Friday 10 de May de 2024

O Concello de Boqueixón recibe a visita da Valedora do Pobo


Milagros Otero Parga mantivo unha reunión con integrantes do grupo de goberno e percorreu as dependencias municipais

A Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, visitou o Concello de Boqueixón dentro do seu programa de achegamento aos municipios. Foi recibida polo alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, que estivo acompañado por distintos integrantes do grupo de goberno.

Durante a súa visita, mantiveron unha reunión na que se trataron temas relacionados coa vida municipal, para despois realizar un percorrido polas instalacións da Casa do Concello. Finalmente, asinou no libro de ouro do Concello e recibiu uns pequenos agasallos en lembranza do seu paso polo municipio.

O alcalde de Boqueixón agradeceu a visita da Valedora do Pobo, xa que é un “xeito de achegarse á cidadanía e de escoitar as súas inquedanzas”. Referíase, neste senso, ao encontro coa veciñanza que se está a desenvolver esta tarde nas instalacións do CPIP Antonio Orza Couto e no que participarán, entre outros, as alumnas e alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria.

Pola súa banda, Milagros Otero Parga amosouse moi satisfeita por participar nesta completa xornada. Ao mesmo tempo, lembroulle a necesidade de “loitar sempre pola defensa dos dereitos da cidadanía, protexendo especialmente aos máis desprotexidos”.